Quen foi?
Ricardo Carvalho Calero foi unha figura moi destacada da cultura galega. Foi o primeiro Catedrático de Lingua e literatura Galegas, en 1972. Este foi un momento simbólico para a lingua galega que tanto tempo levaba loitando por recuperar as súas funcións e súa dignidade, tarefa que desde logo continúa activa na actualidade.
A obra literaria de Carvalho Calero componse de sete poemarios, dúas obras de teatro e dúas novelas. Unha das súas novelas, Scórpio, foi galardoada co Premio da Crítica. Tamén debemos destacar o seu labor como ensaísta e lingüísta, traballo que sobresae de xeito excepcional xa que conta con 17 obras teóricas, algunhas fundamentais na historia de Galiza, como História da Literatura Galega Contemporánea.
A vida de Carvalho Calero comezou na cidade de Ferrol, esta cidade nosa á que vai estar ligado sempre. Pero Carvalho era sobre todo galego de identidade, de pensamento e de sentimento. Moi novo entrou en contacto co mundo cultural galego a través do Seminario de Estudos Galegos. Tamén participou da creación do Partido galeguista, elección que máis tarde o faría loitar contra o xeneral Franco. Despois foi condeado e encarcerado ao longo de 12 anos. Pero el nunca deixou de loitar pola nosa lingua e pola nosa cultura ás que consagrou toda a súa vida.



